Monday 29 de April de 2024

Unha vintena de escolares do CEIP Virxe do Mar visitaron esta mañá o arquivo, o salón de plenos e a oficina da Policía Local


Unha vintena de alumnas e alumnos de sexto curso de Primaria do CEIP Virxe do Mar visitaron esta mañá o Concello de Narón. Os escolares, acompañados por persoal docente, chegaron ao Consistorio sobre as 9.40 horas, para a continuación visitar as instalacións do Arquivo municipal, ubicado na planta do soto.

Ás 10.00 horas, tal e como figura na programación, visualizaron un vídeo no salón de plenos e realizaron unha serie de actividades, respostando a preguntas vencelladas á visita realizada. Unha vez no salón de plenos, onde ocuparon os espazos dos edís da corporación local, reuníronse coa alcaldesa, Marián Ferreiro, á que lle realizaron varias preguntas sobre o funcionamento, servizos e instalacións municipais. Os escolares intercambiaron varias impresións sobre a cidade coa rexedora local, interesándose Ferreiro por saber a súa visión dos servizos e equipamentos actuais e tamén sobre outros que lles interesen de cara ao futuro. Ao finalizar, recibiron uns agasallos institucionais e realizaron unha fotografía de grupo coa alcaldesa para inmortalizar a visita.

Antes de regresar de novo ás aulas os escolares visitaron a oficina da Policía Local e informáronse tamén sobre o funcionamento deste Corpo.